jueves, 2 de diciembre de 2010

Praemium: Mención Especial nos VIII Premios Educacompostela

Teño o indisimulado pracer de comunicar que o pasado día 29 de novembro, nun acto celebrado no Salón do Concello de Santiago de Compostela, recibimos a Mención Especial que o xurado dos VIII Premios Educacompostela decidíu conceder ó traballo Ad Latinitatem. Como saben os meus alumnos, ese é o título do libro de texto de elaboración propia que empregamos en 4º da ESO.

O xurado valorou ese libro, así como o demais material que o acompañaba (sobre todo as presentacións dixitais e o vídeo gravado a finais do curso pasado coa canción que empregamos para aprender os casos e as declinacións latinas (Carmen Declinativum), e decidíu conceder a Mención por pola súa orixinalidade, creatividade e innovación á hora de tratar o latín co alumnado de 4º da ESO. Cobre un baleiro de materiais que non existía para estas idades e propón unha metodoloxía alternativa para a ensinanza do latín diferente do libro de texto, ademais de integrar as áreas musicais coa ensinanza desta materia.

Agradezo desde este blog a distinción e quero compartila cos meus alumnos, tanto do curso pasado como dos anteriores, pois quero pensar que Ad Latinitatem é o froito do traballo que desenvolvemos nas aulas do IES Fontexería: a educación é sempre unha viaxe de ida e volta.

GRATIAS MAXIMAS VOBIS AGO

A seguir, uns enlaces onde se pode atopar máis información e algunhas fotos do acto:

Crónica na páxina do Concello de Santiago
Crónica en La Voz de Galicia, edición de Santiago
Crónica en El Correo Gallego

Fotos:




ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-III

Ven de rematar o mes de novembro, e de novo hai que felicitar ós alumnos que conseguiron sumar 0,33 centésimas á súa nota final de trimestre. Lembrade: ata 1 punto máis por ser fieis a esta actividade durante 3 meses. Neste caso, as rapazas que decidiron esforzarse por unha boa causa (a súa propia) foron María José (4º ESO), Mariña (1º BAC), Alba (1º BAC), Paula (1º BAC), Maruxa (1º BAC), María (1º BAC) e Isa (1º BAC).

Noraboa a todas, e ánimo a elas e a todos os demais para seguir. Estas son as preguntas do mes de decembro:



I. Unha das cuestións do mes pasado referíase ó poeta Lucano. Nesta oportunidade referímonos a outro poeta, compañeiro de estudios do anterior, nacido un 4 de decembro de hai 1.976 anos. Especializouse no xénero da sátira e tivo, como o seu amigo, unha vida bastante curta: morreu ós 28 anos, víctima dunha enfermidade estomacal. De quen estamos a falar? Demandamos o nome completo (como todos os nomes romanos, tiña tres partes).





II. Todos os días 15 de decembro celebrábase en Roma a, por así dicilo, segunda parte dunhas festas dedicadas a un deus tradicional romano vinculado ós labores agrícolas (a primeira parte tiña lugar cada 21 de agosto). Nesta festividade corríanse carreiras de carros tirados por mulos, e deixábase descansar ós animais que se usaban para traballar os campos. Como se chamaban estas festas e en honra de que deus eran?





III. Hai 1.941 anos, o 21 de decembro, un emperador romano foi capturado, arrastrado e golpeado polas rúas da cidade. Como remate deste suplicio, foi asasinado por unha multitude, para logo ser botado ó Tíber. Pouco lle durara o poder, pois tivo este final o mesmo ano que fora proclamado emperador. Pedimos averiguar quen era e quen foron os emperadores inmediatamente anterior e posterior a el.




PRVDENTIA, SAPIENTIA, SCIENTIA