miércoles, 2 de noviembre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXI-MMXII)




Como adoita acontecer hai moito tempo máis ou menos por estas datas, rematou outubro. E outubro é o primeiro mes no que podemos facer balance da oferta que tedes neste blog para aumentar ata nun punto a vosa nota final de trimestre. Lembrade: cada mes aparecerán tres preguntas neste blog relacionadas con acontecementos da Antiga Roma dos que se cumpre o seu aniversario. Se investigades con acerto e certa calma (tedes todo un mes para iso), poderedes sumar 0,33 puntos ó mes; multiplicando esa cifra por tres, obtedes 0,99, cantidade que, graciosamente, será redondeada en 1.




No mes que ven de rematar, Alba (1º BAC) ten xa acumulados 0,22 puntos, mentres que o máximo de 0,33 foi conseguido por Mª José (1º BAC), Sheila (1º BAC), Mariña (2º BAC), Maruxa (2º BAC) e María (2º BAC).




Despois de toda esta información, as Romanae Quaestiones do mes de novembro son estas:














I. O 3 de novembro de hai 1.972 anos nacía, nunha cidade do sur de Hispania que séculos máis tarde se faría moi famosa por un espectacular templo musulmán, un poeta. A súa familia estaba ben situada: era sobriño dun intelectual e filósofo que tivo ó seu cargo a educación dun Emperador aficionado á música e, segundo din, ó lume. Das súas obras (das do poeta, queremos dicir), só conservamos unha. Debedes buscar o nome completo deste autor literario, o do seu tío, e o do Emperador (para este último abonda co apelativo polo que é máis coñecido).












II. Certo avogado que hai 2.054 anos foi asasinado polo amante da máis famosa raíña de Exipto de todos os tempos, pronunciou, dous anos antes de morrer, un discurso xudicial na defensa dun rei oriental, que estaba acusado de tentar asasinar ó máis importante político da época (que, por certo, sería realmente asasinado a penas un ano despois). Queremos saber o nome do avogado, o do acusado, e o título co se que coñece o seu discurso.












III. Comezabamos cun poeta, e rematamos con outro. Hai 1.949 anos, un 24 de novembro, morría certo autor de versos latinos, por causa dunha enfermidade estomacal. A obra que conservamos del é moi cativa, pero pertence a un xénero literario que os romanos consideraban exclusivamente orixinal seu, libre de influencias gregas. Quen era este poeta e como se titulaba a súa obra?

Pulchrum vinculum!

É ben certo que o buscador de imaxes de Google é unha potente ferramenta. Con todo, á hora de buscar imaxes da Roma antiga, Maecenas permite acceder a un número considerable de fotografías relacionadas coa Cidade Eterna e o Imperio Romano.










O aspecto gráfico que ofrece non está moi traballado, pero resulta cómodo navegar por esta páxina, e permítenos disfrutar de vistas, como esta do Panteón de Agripa, hai xa uns cantos anos, se xulgamos polos vehículos que se ven diante e nun lateral: