lunes, 19 de noviembre de 2012

Romani latine loquebantur (I)-Sub Prezi

Mentres aprendiamos a manexar a utilidade Prezi, deseñamos esta pequena presentación para o curso de Latín I (1º BAC), co fin de quedármonos con algunhas das palabras que os falantes do latín empregaban na súa vida diaria. Non é que agora se vaia falar latín, pero se cadra algún día son posibles as viaxes no tempo. Dunha conversa con Virxilio, por exemplo, canto coñecemento obteriamos!

viernes, 2 de noviembre de 2012

ROMANAE QUAESTIONES II (MMXII-MMXIII)

Xa rematou o mes de outubro, e só unha persoa respostou ás preguntas dese mes, obtendo así 0,33 puntos que se sumarán á nota final do trimestre: foi María José, de 2º BAC. Xa sabedes o que vos queda ós demais se queredes aproveitar esta oportunidade.

Estas son as Romanae Quaestiones do mes de novembro:

I. O día 4 deste mes, hai 2.057 anos, un gran orador romano pronunciaba un discurso en defensa de certo rei asiático (aínda que a súa procedencia era europea). O tal rei estaba acusado de ter apoiado ó bando perdedor en certa guerra, na que en realidade non fixera máis que manterse leal a un xeneral romano que sempre fora o seu benefactor. Busca os nomes do orador, do rei, e tamén do xeneral.



II. Durante tres días ó ano, en Roma tiña lugar unha curiosa conmemoración: levantábase unha pedra que estaba tapando un pozo que, á súa vez, e segundo se cría, comunicaba co Inframundo. Dese xeito, os espíritos dos mortos podían volver por unhas horas á superficie da terra. O 8 de novembro era un deses días. Como se chamaba esa festa e en que outros dous días do ano se celebraba?


III. Hai 2.053 anos, un 26 de novembro, constituíase formalmente unha alianza política entre tres homes que manterían firmemente o poder en Roma durante os seguintes anos, aínda que ó final un acumulou todo o poder. Era a segunda vez na Historia de Roma que se producía un feito semellante. Con que nome coñecemos a esa alianza e quen a formou?