jueves, 29 de enero de 2015

Concurso Odisea 2015 (II)

Está a piques de rematar o Concurso, e os catro grupos que decidiron participar polo IES Fontexería están poñendo a traballar intensamente os seus cerebros.

AS VÓNGOLAS EUNUQUILES (Lucía, Saray e Sabela, de 2º BAC), SINE LIMITIBVS (Melanie, Adela e Laura, de 1º BAC), OMNIA VINCIT AMOR (Isma, Aldara e Iván, de 1º BAC) e OMNIA VANITAS (Nerea e Laura, de 1º BAC) van expremer as súas materias grises para obter a máxima puntuación posible.

 Mañá ás 9:00, o veredicto.


MINERVA ET FORTVNA VOBIS ADSINT!

viernes, 9 de enero de 2015

Concurso Odisea 2015 (I)

Un ano máis, a Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) convoca o Concurso Odisea, que é un excelente xeito de aprender e pasalo ben mergullándonos no Mundo Antigo.

Aquí deixo o enlace ás bases e inscrición para todos aqueles que queirades participar. Iso si, debédesmo notificar, porque debe haber un profesor responsable.



ROMANAE QVAESTIONES MMXIV-MMXV (IV)

Estreamos novo ano, mais seguimos cos vellos costumes: as Romanae Quaestiones.

Comeza tamén un novo trimestre, e con el unha oportunidade mensual de aumentar en 0,33 puntos a nota final (1 punto en total).

Como xa sabedes, para lograr ese punto debedes atopar a resposta correcta a cada un dos pequenos enigmas que se ofrecen neste blog. E os do mes de xaneiro son:



I. Hai 2.064 anos un xeneral e político romano cruzaba un río no norte de Italia. Con este acto, en apariencia simple, provocaba unha guerra civil que había durar tres anos e que remataría coa súa completa victoria. Quen era o militar e como se chamaba o río?





II. 396 anos despois do acontecemento anterior, nacía en Hispania o que sería máis tarde derradeiro Emperador que gobernou sobre as partes occidental e oriental do amplo territorio de Roma. Como se chamaba e en que cidade hispana naceu?



III. Os días 11 e 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa na honra de certa deusa, á que as mulleres embarazadas lle tiñan especial fe. O sacerdote encargado do seu culto ofrecía un sacrificio sen sangue, pois esta divinidade, ó estar relacionada cos nacementos, non podía ter relación coa morte. De que deusa estamos a falar e como se coñecía ó seu sacerdote?