martes, 25 de abril de 2017

"SPQR", de Mary Beard


Segundo di ela mesma, este libro é o resultado dos coñecementos adquiridos, con paixón, pola autora ó longo de toda unha vida de investigación e estudo dos antigos romanos.

Que esta afirmación é certa nótase na capacidade de concisión que demostra á hora de pasar revista a case 1.000 anos de historia, deténdose con agudeza e humor en todos os problemas historiográficos que afectan ó noso coñecemento da antiga Roma.

Trátase dun libro moi ameno e que condensa, sen abrumar, unha gran cantidade de información. Non son escasos méritos. Iso si, disfrutarano máis aqueles que teñan xa certas nocións previas sobre a historia de Roma.

Un pracer, en todo caso.

domingo, 2 de abril de 2017

Video: Viri et Mulieres Historiae Romanae (I)

Desde hai unhas semanas, o alumnado de Latín de 4º ESO está a traballar sobre algúns  persoeiros de ambos sexos que tiveron o seu protagonismo na Historia de Roma.

As sesións celebráronse na nosa aula habitual e tamén na Biblioteca do Centro. Logo de buscar información a través de medios dixitais e "analóxicos" (as tradicionais enciclopedias e libros temáticos), elaboraron un guión sobre o seu persoeiro, de xeito case telegráfico, e gravaron en video o resultado do seu traballo. Por razóns de espazo, publicaremos catro videos, a razón de cinco persoeiros cada un.

Velaquí o primeiro, protagonizado por Octavio, Paula F., Andrea, Paula I. e Águeda:


ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXVI-MMXVII)

Remata xa o segundo trimestre, e durante o mes de marzo aproveitaron a súa ocasión de incrementar a súa nota final varias persoas: Ana, Paula F., Camino e  Paula I. (4º ESO), e máis María, Gabriel, Isaac e Sara (2º BAC).

Co mes de abril comeza o trimestre co que acabará o curso, e chega unha nova oportunidade de sumar décimas ás cualificacións.

Velaquí as Romanae Quaestiones para este mes: 

I. O 14 de abril de hai 2.060 anos tiña lugar unha batalla na que se enfrontaron as tropas de dous persoeiros que chegarían a dominar por completo a política romana nos anos vindeiros, pero que neses momentos eran inimigos. A victoria decantouse polo máis novo, aínda que dous dos seus partidarios, cónsules ademais, morreron no combate. Como se chamaban os dous rivais e os cónsules mortos?



II. Cada 15 de abril os romanos celebraban unhas festas cun orixe que remontaba, segundo a lenda, ó segundo rei de Roma: durante unha época de esterilidade dos animais, o rei soñou que podería acabar con ela sacrificando dous animais concretos, pero matando unha soa víctima; non sabendo o rei como facer, certa ninfa díxolle que sacrificase a unha femia preñada. Como se chamaban as festas, o rei, a ninfa, e que femia de animal se sacrificaba?



III. Cada 21 de abril, os pastores de Roma celebran unha festa na honra da súa deusa protectora. Limpaban os cortellos, encendían lumes distribuídos en tres ringleiras e saltaban por riba deles. Como se chamaba a deusa e con que nome coñecemos estas festividades?